Estatutos Da Irmandade De Doadores De Sangue
da Coruña

CAPITULO I

DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO, DURACIÓN E ÁMBITO TERRITORIAL

ARTIGO 1º. Coa denominación de Irmandade de Doadores de Sangue da Seguridade Social da Coruña créase na Coruña unha asociación con plena personalidade xurídica propia, que se rexerá polos presentes Estatutos e canto neles está previsto; axustarase á Lei de Asociacións de 24 de Decembro de 1964, 0. do Ministerio de Traballo de 29 de outubro de 1971, e demais disposicións legais vixentes que a complementan.

ARTIGO 2º. Nesta Irmandade exclúese todo proveito material e afán de lucro. O decidido interese dos seus promotores é fomentar os hábitos de solidariedade social e contribuír a estimular a hemodoazón altruísta. O seu propósito é agrupar a todas aquelas persoas que, sentindo o espírito de fraternidade humana e solidariedade social, estean dispostas a doar periodicamente un pouco sangue en beneficio dos demais. Son fins e obxectivos fundamentais desta irmandade:

a) Cubrir total e plenamente coa doazón altruísta as necesidade de sangue das Cidades Sanitarias e Clínicas da Seguridade Social, así como as que puidesen ter os propios doadores para si ou para os seus familiares directos que convivan no seu mesmo domicilio. Da mesma forma atender tamén as necesidades dos enfermos da Seguridade Social asistidos en prazas concertadas noutros Hospitais e Sanatorios.

b) Facilitar sangue progresivamente a tódolos Hospitais, Sanatorios e Clínicas que a precisen e desexen esta colaboración, sempre que garantan a absoluta gratuidade do sangue ofrecido.

c) Fomentar o espírito de solidariedade e de irmandade entre os diferentes estamentos da sociedade sen discriminación ningunha, procurando especialmente crear lazos de compresión, de interese e de auténtica cooperación entre os beneficiarios da asistencia sanitaria e os grandes centros hospitalarios da Seguridade Social.

ARTIGO 3º. O seu domicilio establécese na Cidade Sanitaria "Juan Canalejo" da Coruña.

ARTIGO 4º. A Duración desta Irmandade é por tempo indefinido:

ARTIGO 5º. O ámbito territorial de acción previsto para as súas actividades comprende dun xeito especial A Coruña e a súa provincia.

CAPITULO II

DOS SOCIOS

ARTIGO 6º. A esta Irmandade pódese pertencer como socio nalgunha das seguintes condicións: 1) activo. 2) colaborador. 3) de honor.

ARTIGO 7º. Son socios activos todas aquelas persoas que, atopándose identificadas cos fins da Irmandade, estean dispostas a doar sangue dúas veces ó ano como mínimo, e a colaborar na obra de difusión e divulgación dos fins da Irmandade. Bastará unha doazón, aínda que esta sexa incompleta por causas alleas á vontade do doador, para que este sexa considerado membro da Irmandade.

Son socios colaboradores aquelas persoas que, non podendo ser doadores de sangue, sintan os fins da Irmandade e colaboren na súa realización con traballos persoais e axudas materiais.

Serán socios de honor aquelas persoas individuais ou xurídicas que, con méritos relevantes de colaboración nos fins da Irmandade, sexan nomeados como tales pola Xunta Rectora.

ARTIGO 8º. Tódolos membros quedan sometidos ás prescricións dos presentes Estatutos e aceptan cantas probas técnicas e recoñecementos médicos fixe o Servicio de Hematoloxía do Centro Sanitario da Seguridade Social onde radique a Irmandade.

ARTIGO 9º. Os membros activos, colaboradores e de honor da Irmandade terán os seguintes dereitos:

  • Beneficiarse dos servicios, axudas, asesoramentos, actividades e atencións sociais que a Irmandade establece e poida establecer no futuro.
  • Entrada preferente para visita a familiares nas Institucións da Seguridade Social, coas limitacións que se sinalen ou que se poidan establecer pola Dirección do Centro.
  • Asistir ás Asembleas Xerais con dereito a voz e voto.
  • Ser nomeado membro da Xunta Rectora.
  • Ser acredor dos Diplomas e Distincións Honoríficas que poidan corresponderlle pola súa exemplaridade e colaboración cara ós fins da Irmandade.

ARTIGO 10º. A condición de socio pódese perder por algunha das seguintes causas: voluntaria, falecemento ou expulsión.

A expulsión só poderá decretarse cando a conducta do socio prexudique o prestixio ou os intereses da Irmandade.

Levarase a cabo por acordo da Xunta Rectora, e contra esa resolución poderá o interesado recorrer ante a Asemblea Xeral que, na súa máis inmediata reunión, resolverá en última instancia e con carácter inapelable.

CAPITULO III

DA ASEMBLEA XERAL

ARTIGO 11º. A Asemblea representa á Irmandade cando sexa convocada regulamentariamente e ten capacidade para tomar acordos que obrigarán a tódolos socios.

Terá as máis amplas facultades de goberno, administración e disposición de bens, así como capacidade para modificar os Estatutos e acordar a disolución da Irmandade.

ARTIGO 12º As Asembleas Xerais poderán ser ordinarias e extraordinarias. Sempre serán convocadas previa aprobación da Xunta Rectora, con sinalamento de data, hora e lugar, que se comunicará ós socios mediante anuncios na prensa e medios propios de difusión directa, cunha antelación de quince días como mínimo.

ARTIGO 13º. A Asemblea Xeral Ordinaria celebrarase obrigatoriamente unha vez ó ano.

ARTIGO 14º A Asemblea Xeral Extraordinaria poderá ser convocada pola Xunta Rectora en calquera ocasión que o crea conveniente, ou a proposta por escrito dun mínimo dunha quinta parte dos socios activos e colaboradores, facendo constar en dita proposta a Orde do Día.

Neste caso, a Asemblea debe ser convocada pola Xunta Rectora para celebrarse no prazo de trinta días a partir da data da solicitude.

ARTIGO 15º. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída para tomar acordos se están presentes ou representados unha cuarta parte dos membros activos e colaboradores en primeira convocatoria e calquera que sexa o número de asistentes en segunda.

Tódolos acordos se tomarán por maioría. En caso de empate repetirase a votación e, se persiste, decidirá o voto do Presidente.

Os socios poderán delegar a súa representación noutro socio ou nun notario público, mediante carta dirixida ó Presidente, expresando, ademais, a asemblea concreta de que se trata; e deberá ser presentada alomenos unha hora antes de iniciarse a asemblea.

ARTIGO 16º. Á Asemblea Ordinaria correspóndelle:

  • Aceptar ou rexeitar o informe da Presidencia sobre as actividades da Xunta Rectora e da Irmandade no ano precedente e os proxectos para o próximo.
  • Aprobar, no seu caso, o orzamento de ingresos e gastos do exercicio rematado e o plano económico para o próximo, así como o programa de actividades.
  • A discusión e decisión de propostas de socios, sempre que fosen presentadas por escrito á Presidencia con cinco días de antelación a celebrarse a Xunta Rectora. As presentadas fora de ese prazo só poderán tratarse previa aprobación da Xunta. Non será necesario este trámite para a simple exposición de rogos e preguntas.
  • A elección dos socios que compoñen a Xunta Rectora.
  • Coñecer e decidir sobre recursos, decisións e acordos da Xunta Rectora.

ARTIGO 17º. Os acordos da Asemblea quedarán rexistrados nun libro de Actas subscritas polo Presidente e Secretario, o cal dará lectura de cada acta para a súa aprobación na seguinte Asemblea Xeral. Tamén poderá quedar aprobada na mesma Asemblea, previa polo Secretario.

CAPITULO IV

DA XUNTA RECTORA E COMISIÓN PERMANENTE

ARTIGO 18º. A Xunta Rectora estará composta polo Presidente, dous Vicepresidentes e un mínimo de quince Vocais efectivos, de entre os que se elixirán tamén o Secretario Xeral, Tesoureiro, Vicepresidente, Vicesecretario e Vicetesoureiro.

Unha das dúas Vicepresidencias recaerá preceptivamente no Director da Institución Sanitaria. Serán Vocais Natos:

  • Delegado Provincial de Traballo.
  • Director Provincial do SERGAS
  • Director Provincial do I.N.S.S.
  • Director do Hospital "Juan Canalejo".

Tamén figurará na Xunta Rectora o Xefe dos Servicios de Hematoloxía das Institucións Sanitarias ás que serve esta Irmandade, en calidade de asesor técnico permanente.

ARTIGO 19º. A Xunta Rectora debe reunirse preceptivamente, convocada polo Secretario Xeral, por mandato do Presidente e co visto e prace do mesmo, alomenos catro veces en cada exercicio social.

ARTIGO 20º. A Xunta Rectora elixirá entre os seus membros os compoñentes da Comisión Permanente, que constituirá o Órgano Executivo da Irmandade, e que deberá reunirse tódolos meses. A Comisión Permanente estará formada polo Presidente, os Vicepresidentes, o Tesoureiro, o Secretario, o Vicetesoureiro, o Vicesecretario e un mínimo de cinco Vocais. Causarán baixa na Xunta Rectora aqueles membros que teñan máis de tres ausencias inxustificadas ás reunións regulamentariamente convocadas.

ARTIGO 21º. A elección dos membros da Xunta farase por catro anos, podendo ser reelixidos. Cada dous anos renovarase a metade dos membros por quendas, seguindo o xa establecido.

ARTIGO 22º. Unha vez elixida a Xunta pola Asemblea Xeral, os seus propios membros en reunión inmediata distribuirán os cargos, debendo facerse a designación por maioría de votos.

ARTIGO 23º. A Xunta Rectora creará comisións de Traballo de Actividades Sociais, de Relacións Públicas, de Propaganda, etc, de un reducido número de membros, para actividades e misións que se estimen necesarias. Estas Comisións de Traballo programarán libremente as súas reunións, dando conta das propostas e conclusións á Xunta Rectora, e delas poderán tamén formar parte, como colaboradores, socios da Irmandade.

ARTIGO 24º. Cando por calquera circunstancia se produza o cesamento dun membro electo da Xunta Rectora, a propia Xunta nomeará de entre tódolos socios outro que o substitúa ata que se produza a renovación regulamentaria.

ARTIGO 25º. Son atribucións da Xunta Rectora as seguintes:

  • Convocar as Asembleas Xerais e executar os seus acordos.
  • Establecer as relacións precisas cos Organismos da Seguridade Social, en orde á organización e bo funcionamento da Irmandade e das súas relacións co Servicio de Hematoloxía.
  • Contratar empréstitos e hipotecas e cancelalos; aceptar ou rexeitar herdanzas, legados ou doazóns, e concluír toda clase de contratos de bens e servicios.
  • Outorgar diplomas e recompensas honoríficas a cantos socios da Irmandade e colaboradores se fagan acredores das distincións que se regulamentan.
  • As máis amplas atribucións en canto á dirección e administración da Irmandade e adecuada organización para o desenvolvemento e cumprimento dos seus fins.

ARTIGO 26º. A Xunta Rectora quedará validamente constituída para tomar acordos se están presentes unha cuarta parte dos seus membros. Nas reunións da Comisión Permanente deberá estar presente como mínimo o Presidente ou un Vicepresidente, tres Vocais e o Secretario Xeral ou Vicesecretario. Tódolos acordos se tomarán por maioría e quedarán rexistrados, así como a síntese do contido das reunións, nun Libro de Actas que subscribirá o Secretario.

CAPITULO V

DO PRESIDENTE, TESOUREIRO E SECRETARIO XERAL

ARTIGO 27º. Con independencia das funcións e atribucións que a Asemblea Xeral e a Xunta Rectora acorden delegar na Presidencia da Irmandade, serán funcións propias do Presidente as seguintes:

  • Autorizar co seu visto e prace as convocatorias para reunións da Asemblea Xeral, Xunta Rectora ou Comisión Permanente. Nas reunións dos varios órganos o Presidente dirixirá os debates e orientará o seu desenvolvemento.
  • Autorizar coa súa sinatura os nomeamentos e cesamentos de tódolos empregados da Irmandade, cumprimentando legalmente a súa situación laboral, previo acordo da Xunta Rectora.
  • Asinar os documentos da Irmandade, que pola súa importancia o requiran, asinar mancomunadamente co Tesoureiro as ordes de pago e documentos pertinentes, abrindo e pechando toda clase de contas bancarias, facendo imposicións e retirando fondos, con autorización xenérica da Xunta Rectora.
  • Propoñer á Xunta Rectora o nomeamento de socios de honor e a aceptación por parte da Irmandade de achegas económicas, así como de calquera doazón que sexa ofrecida á Irmandade.

ARTIGO 28º. O Tesoureiro será designado pola Xunta Rectora e terá ó seu cargo a custodia de fondos, coidando que se dea ós mesmos a inversión e colocación que determinen os Estatutos e acorden a Xunta Rectora e a Asemblea Xeral.

ARTIGO 29. A Xunta Rectora nomeará un Secretario Xeral, que será o executor responsable dos acordos da Xunta Rectora, da organización da oficina da Irmandade e das súas actividades sociais.

O Secretario Xeral exercerá as súas actividades dentro dos límites establecidos pola Xunta e en contacto directo co Presidente da Irmandade, ou con quen en calquera momento o substitúa. Especialmente terá ó seu cargo as seguintes funcións, nas que o substituirá o Vicesecretario en ausencias ou enfermidades:

  • A representación da Irmandade por delegación especial da Xunta ou por subrogación do Presidente.
  • A xestión da caixa especial para gastos correntes e para os de carácter fixo ou periódico. Terá a responsabilidade de dita caixa e renderá contas ó Tesoureiro de forma regular, entregando en cada caso os xustificantes dos pagos efectuados.
  • A selección e proposta de nomeamento á Xunta Rectora do persoal administrativo que puidese precisarse dentro do cadro previsto no orzamento anual, así como o despacho da correspondencia e a dirección e execución de tódolos traballos propios da Secretaría.
  • d) A redacción das Actas de tódalas reunións dos diversos órganos rectores da Irmandade, así como a asistencia e a axuda que sexa requirida no mesmo tipo de actividade por parte das Comisións de Traballo.
  • A planificación, programación e execución das actividades e proxectos da Irmandade.
  • A representación, nas reunións dos Órganos de Goberno, do informe sobre as actividades da Irmandade.
  • As funcións de Xefe de Persoal Administrativo da Irmandade e a conservación e custodia dos seus arquivos, documentos e mobiliario.
  • A asistencia ás reunións da Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria, da Xunta Rectora, da Comisión Permanente e, nos casos nos que fose requirido para iso, das Comisións de Traballo. No suposto de ser empregado da Irmandade asistirá a estas reunións con voz pero sen voto.

CAPITULO VI

RECURSOS ECONÓMICOS, ORZAMENTO, INFORMES E MEMORIA

ARTIGO 30º. A Irmandade servirase para cumprir os seus fins das instalacións e medios materiais que poñan ó seu servicio as Institucións da Seguridade Social, e recibirá da súa Xunta de Goberno a subvención económica anual que se estableza en proporción ós seus servicios e necesidades, e considerando o informe e proposta que a Xunta Rectora presente á Dirección da Institución da Delegación Xeral do Ministerio de Traballo, Sanidade e Seguridade Social para facer fronte a orzamentos extraordinarios.

ARTIGO 31º. No momento da súa fundación a Irmandade carece de patrimonio, aínda que poderá obtelo no futuro. Como límites iniciais da subvención anual sinálanse un mínimo de 250.000 pesetas e un máximo de 1.000.000 de pesetas. A subvención será aboada á Irmandade en forma e prazos que establezan o seu Presidente e o Director da Institución.

ARTIGO 32º. Para a lista das previsións de ingresos e gastos confeccionarase o oportuno orzamento, que se elevará para o seu coñecemento á Dirección administrativa da Institución, a cal exercerá a función de vixilancia en canto á súa correcta utilización e administración pola Xunta Rectora.

ARTIGO 33º. A Xunta Rectora deberá presentar á Asemblea Xeral en reunión anual, unha memoria-informe que recolla as actividades desenvolvidas, o emprego dos fondos sociais e os programas de actuación.

ARTIGO 34º. As contas da Irmandade deberán ser controladas anualmente por un censor xurado, o cal preparará un informe detallado para ser sometido á Asemblea Xeral Ordinaria correspondente, previo exame pola Xunta Rectora.

A Irmandade confeccionará un inventario de tódolos seus bens e pertenzas.

ARTIGO 35º. A Xunta Rectora presentará informes periódicos do seu funcionamento e actividades á Dirección da Institución Sanitaria correspondente, así como aqueloutros que lle puidesen ser solicitados por outros organismos da Seguridade Social ou da Administración Pública.

CAPITULO VII

DISOLUCIÓN

ARTIGO 36º. A Disolución da Irmandade requirirá o acordo por simple maioría da Asemblea Xeral.

ARTIGO 37º. No caso de que existisen bens propios da Irmandade, a propia Asemblea decidirá a aplicación que deberá darse ós mesmos, que sempre será a súa doazón a fins benéficos da Seguridade Social.

DON MIGUEL ANGEL GARCÍA CABREROS. SECRETARIO XERAL DA IRMANDADE DE DOADORES DE SANGUE DA CORUÑA.

CERTIFICA: que os presentes Estatutos, polos que deberá rexerse esta Irmandade da Coruña, foron aprobados pola Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o día vinteseis de abril de mil novecentos setenta e tres; e conteñen as modificacións aprobadas na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o día dezasete de decembro de mil novecentos oitenta e oito, e na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o día vintecatro de abril de mil novecentos noventa e tres.

boton volver


Powered by Iranon e I Latina IRANON é unha marca rexistrada de Análisis y Desarrollo de Software, S.L.
Unha producción de I latina, S.L.
© Irmandade de Doadores de Sangue. A Coruña 2001. Reservados tódolos dereitos.